Gamelán é unha Asociación sen ánimo de lucro que, empregando a música como eixe vertebrador das súas actividades, trata de dar solucións ás familias que precisan apoio para educar e coidar dos seus fillos nos momentos en que estes non están na escola, potenciando un ocio alternativo e saudable e favorecendo a conciliación da vida familiar e laboral.
Gamelán, nace en abril do 2001 e por resolución do 29 do mesmo ano queda inscrita no Rexistro Central de Asociacións de Galicia co nº 2001/000660-1.
No ano 2004 intégrase na Rede Galega de Voluntariado co programa "Coa Música a outra parte" no que participan desde entón voluntarios e voluntarias de toda España. Queda inscrita no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria co nº 0-309.
No ano 2007 Gamelán convírtese en Entidade prestadora de Servizos Sociais e queda inscrita no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia co nº F- 02048.
Gamelán ten como fin último mellorar a calidade de vida das persoas, especialmente das máis pequenas e menos favorecidas, poñendo para elo ó seu alcance a cultura e as actividades culturais, sendo o noso eixe temático prioritario a Música. Así mesmo traballamos na integración de nenos e nenas con discapacidades ou en risco de exclusión social.